Menú Principal:
Non pasaron moitos anos dende que unhas poucas persoas que aínda tiñamos algún que outro exemplar da raza Galiña de Mos, en perigo de extinción, decidimos que había que facer algo para saca-la dunha situación que irremediablemente a conduciría á desaparición dos nosos contornos familiares.
A dinámica de producción avícola que se afianzou na zona rural galega, a partires dos anos sesenta, (cría e selección de híbridos de altas produccións en pouco tempo), constituíu a verdadeira causa do desprazamento da nosa raza autóctona do primeiro plano da producción aviar familiar.
Comezamos con responsabilidade e compromiso a agradable tarefa de devolverlle a importancia que noutros tempos tivo nas nosas vidas. Decidimos entón, alentados polas iniciativas que se estaban a levar dende a Administración Galega, fundar unha asociación que dera forma e contido a todo un programa de recuperación da raza. Nace así a Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos-AVIMÓS, que me honro en presidir.
Naqueles intres, poucos eran os que confiaban que en tan curto espacio de tempo se chegara a reconquistar de novo o recoñecemento, a presencia e o interés social que noutrora tiña esta raza. Sen dúbida resultou clave a correcta sincronización entre as distintas organizacións e entidades participantes no programa de recuperación, conservación e fomento.
Na actualidade, é crecente o número de persoas que se interesan e que se unen a este proxecto de recuperación, conscentes de que teñen ante sí un patrimonio xenético único, que forma parte do conxunto de coñecementos especiais que definen e complementan o seu acervo cultural.
Significar moi especialmente o meu recoñecemento a tódalas persoas que dun xeito ou doutro participástedes e participades neste proxecto de recuperación. Graciñas pola vosa dedicación e constancia.
Desexo que esta páxina web sexa un lugar de encontro entre os amantes da avicultura en xeral, e da raza Galiña de Mos en particular. Non dubidedes en comunicarnos, por este e por outro medio, as suxerencias que teñades.
A visita que comezades, levaravos a realizar unha viaxe polo coñecemento dun dos recursos xenéticos autóctonos de maior tradicción e beleza .
Recibe un cordial saúdo.
Francisco José Monasterio Solveira
Presidente de la Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos-AVIMÓS.