RAZA GALIÑA DE MOS


Ir al Contenido

Patrón

A raza

Características xerais.

Plumaxe: Brillante, abundante e compacta.

Ovos: De 55 gr. mínimo, coa cáscara de cor marrón clara.

Peso: Galo de 4 a 4,5 kg.- galiña de 2,5 a 3 kg.

Diámetro dos aneis (en mm.): Galo 22 - galiña 20.

Morfoloxía do galo.

Cabeza: Máis ben pequena e ben conformada.

Cara: Vermella, lisa e de textura fina.

Crista: En chícharo, con tres filas lonxitudinais de papilas ou puntos ben definidas, de cor vermella.

Barbelas: Vermellas, pequenas, de textura fina, lisas, co borde inferior ben redondeado.

Orelliñas: Pequenas, ben pegadas á cara, lisas, de forma lanceolada e de cor vermella.

Bico: Forte, vigoroso e ben curvado; na mandíbula superior predomina a cor parda escura sobre o córneo amarelado, na mandíbula inferior poden aparecer manchas de cor parda escura mais só na parte proximal.

Ollos: Grandes, de cor laranxa escura e con cellas prominentes.

Pescozo: Esvelto e robusto, máis ben longo, erguido, ben emplumado e ben unido ó corpo, con esclavina abundante flotando sobre as costas.

Tronco: Ancho, profundo, longo, lixeiramente inclinado cara á cola.

Dorso: Ancho e caendo lixeiramente á cola, poblado de caireis de mediana lonxitude.

Peito: Ancho, profundo e prominente, de gran capacidade.

Cola: De tamaño pequeno, as fouces caudais son curtas excedendo lixeiramente ás plumas temoeiras que son anchas e superpostas. En ángulo de 45º sobre a horizontal.

Abdome: Amplo.

Extremidades

Ás: Máis ben pequenas, ben pregadas e cinguidas ó corpo.

Pernís: Fortes, robustos, visibles e de mediana lonxitude.

Tarsos: Fortes, grosos, de cor amarela, de lonxitude mediana, sen plumas e con catro dedos fortes e rectos.

Morfoloxía da galiña.

En xeral coma no galo, tendo en conta as diferencias debidas ó sexo. A crista está menos desenvolvida que nos galos, as barbelas son máis pequenas e tamén é máis pequena a orelliña pero conserva a forma lanceolada. O peito é saínte pero menos que no galo. De formas máis redondeadas có galo.

Coloración da plumaxe.

Galo: O conxunto da plumaxe é de cor leonada cun matiz vermella-caoba claro, a esclavina e os caireis son de cor máis clara có resto do manto. As plumas cobertoiras pequenas das ás e ombros son dunha coloración máis escura. As remeiras primarias son negras, bordeadas de leonado. As remeiras secundarias son leonadas case na súa totalidade, excepto no centro que adquiren cor negra. As cobertoiras do voo na súa fila inferior son negras. A cola ten as temoeiras e as fouces negras cun brillo verde metálico. O subpenuxe é de cor leonada clara.

Galiña: A plumaxe do corpo é leonada , con esclavina de cor leonada intensa, sendo negras as cobertoiras do voo e as temoeiras da cola e, en parte, as remeiras primarias, subpenuxe leonada clara.

Defectos graves.

Plumas totalmente brancas nas ás. Branco na cola. Plumas negras sobre o manto. Plumas totalmente negras no pescozo. A máis insignificante pluma nos tarsos. Talla insuficiente. Peito estreito. Crista moi elevada. Orelliñas con branco en máis da cuarta parte.


Regresar al contenido | Regresar al menú principal